sábado, 25 de xuño de 2016

Ruta literaria en Ourense

A maior parte das rutas literarias que hai na provincia de Ourense son de creación recente. A máis antiga é a Ruta Específica Literaria, un percorrido polas placas que lembran as casas dos principais escritores que naceron ou residiron na cidade de Ourense e que xorde en 1997 (a Oficina de Turismo créase en 1996).

No caso da Ruta Literaria Específica do Concello de Ourense, José Ramón Gómez (guía oficial) sinala que a ruta faise todo o ano. Actualmente realízase con grupos escolares ou con grupos protocolarios que fan unha solicitude oficial o concello para tal tipo de ruta.

Dado que un dos primeiros grupos que solicitaban as visitas era o profesorado dos cursos de iniciación e perfeccionamento de galego como actividade complementaria, dende a Oficina de Turismo acordaron crear unha ruta específica para estes grupos. Como a temática tamén era axeitada para os escolares, a Área de Educación do Concello de Ourense decidiu incluila no seu programa de visitas didácticas.

Esta ruta litereraria non ten sinalización polo que se aproveitan as placas existentes. A cidade conta con edificios nos que viviron autores ilustres e moitos deles teñen unha placa para recordar o vínculo entre personaxe e edificio. Sería o que se coñece como unha patrimonialización externa porque non se pode entrar a visitar a casa (Uccella, 2013: 55). De feito, en Ourense hai cerca de medio centenar destas placas (Casado Nieto, 1990: 167). Pero non hai unha guía oficial que as sitúe, tan só un pequeno tríptico que fai referencia á celebración das Letras Galegas e a algún dos autores ourensáns.

Imaxe 1.-Folleto Ruta Literaria Específica

Tampouco se empregan as novas tecnoloxías para promocionar este percorrido polo que carece de guía en PDF, audioguía, APP ou web propia. Dispón dun mapa literario que se comparte co do folleto informativo da Ruta da Esmorga. Pola contra, a ruta si conta cun guía oficial, o único do Concello de Ourense, pero o percorrido ofrécese dende o ámbito educativo ao público escolar, carecendo dunha promoción turística oficial.

Se esta ruta se centran nun público escolar ou protocolario é porque na cidade hai unha empresa de guías oficiais polo que o Concello tenta non "inmiscuirse" na actividade privada, aínda que dende a oficina informen das actividades relacionadas con estas rutas.

Ante a falta dun documento oficial que recolla esta ruta, hai a opción de utilizar o itinerario que elaborou o historiador Fernando Román para mostrar as casas de escritores que na cidade de Ourense contan cunha placa e que, polo tanto, serve de base para a realización desta ruta.

Táboa 1.-Ruta literaria polas casas dos escritores de Ourense
RUTA LITERARIA POR OURENSE
Nº.
LOCALIZACIÓN
AUTOR
1.
-Santo Domingo, 10
-Santo Domingo, 17
-Santo Domingo, 31
-Santo Domingo, 39 (47)
-Santo Domingo, 64
-Florentino Cuevillas
-Ángela Santamarina
-Marcelo Marcías
-Vicente Risco
-Filomena Dato Muruais
2.
-Rúa da Paz, 21
-Rúa da Paz, 26
-Vicente Risco e Otero Pedrayo
-Xaquín Lorenzo
3.
-Rúa Lepanto, 18
-Rúa Lepanto, 27
-Valentín Lamas Carvajal
-Blanco Amor
4.
-Praza do Trigo, 1
-Rey Soto
5.
-Praza Maior, 8
-Praza Maior
-Benito Fernández Alonso
-Álvaro das Casas Blanco
6.
-Rúa Barreira, 4
-Rúa Barreira, 8
-Alberto García Ferreiro
-Alexandre Bóveda
7.
-Museo Arqueolóxico, Praza Maior/Bispo Carrascosa
-Xesús Ferro Couselo
8.
-Praza Imprenta, 6
-Valentín de Nóvoa
9.
-Padre Feijóo, 12
-Arturo Noguerol Buján
10.
-Rúa Hernán Cortés, 10
-Hernán Cortés, 27
-José García Mosquera e Filomena Dato Muruais
-Valentín Lamas Carvajal
11.
-Rúa Cardenal Cisneros, 7 (4)
-Juan Antonio Saco y Arce

Fonte: elaboración propia a partir de Faro de Vigo (2012)

Ningún comentario:

Publicar un comentario